martes, 23 de abril de 2024

DÍA DO LIBRO

 Nesta semana tan especial, a Semana do Libro, acompañounos Manuel Fontemoura, autor do libro A nena do vestido de flores. 

Aprendemos que  todos somos iguais e, ao mesmo tempo, diferentes. Non queremos esquecer o que nos dixo cando se despediu: "Ningún neno só nin ningunha nena soa no patio".

Ademais, tivemos a sorte de que nos asinou os nosos libros de A nena do vestido de flores.

Grazas, Manuel, por compatir este día con nós. E, grazas tamén á Editorial Aira, por poñernos en contacto con Manuel.




sábado, 20 de abril de 2024

InnovArt 2024

 Este ano tamén quixemos estar presentes en Innovart. O alumnado de 1º, 3º e 4º desfrutou desta segunda edición de InnovArt 20224, na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, onde participaron activamente en diversas actividades artísticas e musicais: obradoiros de percusión corporal, danza creativa, construción de instrumentos; e asistiron a diferentes actuacións musicais: actuacións corais, ensemble de guitarras, representacións operísticas, etc.

Aproveitamos a viaxe á capital galega para facer un percorrido polas rúas e prazas máis emblemáticas  da mesma, e poidemos merendar no Parque da Alameda mentres desfrutabamos das impresionantes vistas á Catedral de Santiago.

Tamén fomos visitar o Museo do Pobo Galego, onde quedamos abraiados coa riqueza da nosa cultura e o legado material do noso pobo.

Sen dúbida, unha xornada moi enriquedora para complementar as aprendizaxes dos nosos nenos e nenas.

                                 Preme na imaxe



lunes, 8 de abril de 2024

NAVEGA CON RUMBO

 Hoxe o alumnado de 5º e 6º de primaria asistía a unha charla do Plan Navega con Rumbo.

Deste xeito, o alumnado recibía recomendacións de como navegar con seguridade pola rede, evitar o ciberacoso e outros riscos da Internet. 




miércoles, 3 de abril de 2024

"NATURÉZATE"

 Hoxe o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º desfrutou dunha charla sobre a vida nos ríos galegos, o río Sil, enmarcada dentro do programa Proxecta "Naturézate" no que participa o centro.



jueves, 21 de marzo de 2024

"DONAS DE SÍ"

 Hoxe o alumnado de 4º, 5º e 6º desfrutaron coa Compañía "Polo correo do vento" da biografía de Luisa Villalta (homenaxeada nas Letras Galegas 2024), acompañados ademáis pola ilustradora Tania Solla, coa que aprenderon a facer un retrato da autora.

 Esta actividade está inmersa no Programa Proxecta "Donas de sí" no que participa o noso centro este curso.

 Moitas grazas a Quique e a Tania polo seu traballo.



XORNADA DE EDUCACIÓN VIAL

 Onte desfrutamos no CEIP Bibei dunha Xornada de Educación Vial na que tamén nos acompañaron os colexios da Veiga e de Vilariño de Conso.

O programa impulsado pola Deputación Provincial de Ourense acercounos ata o centro diferentes servizos: Garda Civil de Tráfico, Policía Local, Servizo Sanitario do 061, Protección Civil, os GES da Veiga e A cruz Vermella. Todos eles transmitíronnos coñecementos, habilidades e valores que son fundamentais para a seguridade e o benestar na vía pública, así como para a creación dunha cultura vial máis segura e respetuosa na sociedade en xeral.

Moitas grazas a todos eles, así coma o Concello de Viana do Bolo pola súa implicación.

                                                                         Preme na imaxe



jueves, 14 de marzo de 2024

XOGANDO AO ATLETISMO



Hoxe, xoves 14 de marzo, o alumnado de 3º, 4º e 5º de Educación Primaria foron a Ourense para participar na xornada deportiva de "Xogando ao atletismo" no recinto de atletismo de Expourense.

Os nosos nenos/as participaron en varias modalidades de atletismo (salto de altura, salto lateral, lanzamento de xavelina, resistencia e lanzamento de balón medicinal) e desfrutaron competindo e mellorando as súas habilidades motrices de diversas formas.

Ademais de achegarnos de forma lúdica e iniciarnos no atletismo, aprendimos moitos valores e dimos exemplo ca nosa actitude e comportamento.

Dita actividade atópase recollida dentro do Plan de Actividades Físicas e Saudables do centro para desenvolver o programa de Proxectos de Vida Activa e Deportiva (Xogade) na que o centro está a participar.




















 


lunes, 11 de marzo de 2024

CONMEMORACIÓN DO 8M

 Con motivo do Día Internacional da Muller tivemos no CEIP Bibei unha xornada moi especial na que se levaron a cabo dous obradoiros.

O alumnado de 5º e 6º participou no escape room "Estrelas". Unha experiencia de escapismo onde algunhas das mulleres máis  apaixoantes da historia foron as protagonistas (Isabel Zendal, Ada Lovelace, Agatha Christie, Nefertiti...)

Pola súa parte, o alumnado dende Educación Infantil ata 4º de Educación Primaria desfrutou da obra de teatro "O Ratiño Presumido", que lle dá unha volta ao conto tradicional "A Ratiña Presumida", desterrando todo tipo de estereotipos de xénero.

Moitas grazas ao CIM, que coma sempre todas as actividades que propón son un acerto.




lunes, 4 de marzo de 2024

REGUEIFEIROS E REGUEIFEIRAS DO BIBEI

Deixámosvos o fantástico traballo co que  o alumnado de 6º de Primaria acaba de participar  no Certame Enreguéifate 2023-24. 

Noraboa a todos e todas!





martes, 27 de febrero de 2024

DÍA DE ROSALÍA

 Hoxe  no CEIP BIBEI celebramos o día de Rosalía de Castro. Tivemos que pospoñelo por mor da choiva, pero mereceu a pena porque o sol acompañounos nesta xornada para que poideramos saír a cantar entre todos "Adiós ríos, adiós  fontes", a versión de Astarot.

Tamén poidemos degustar o "Caldo de Gloria" todos xuntos no comedor escolar, que con tanto cariño nos preparon Maite e Rocío, e que coma sempre estaba boísimo. Moitas grazas ás dúas!

O propio día de Rosalía, o venres 23, o alumnado presentaba uns fermosos carteis que elaboraron por aulas sobre a autora homenaxeada.






jueves, 22 de febrero de 2024

OBRADOIRO DE PRIMEIROS AUXILIOS

 Esta semana alumnado de 3º curso de primaria asistía a un obradoiro de primeiros auxilios impartido por un equipo de  profesionais de enfermaría pertencentes á Área sanitaria Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras. Unha experiencia moi enriquecedora, na que a través do xogo e a colaboración aprenderon nocións básicas de como actuar ante determinadas situacións que poidan afectar á súa saúde e a das persoas que os rodean..

Pola tarde sería  o profesorado o que recibía a formación, moi interesante para a atención ao noso  alumnado en caso de situacións de emerxencia. 

A vindeira semana será o alumnado de 4º curso quen participe no mesmo obradoiro, enmarcado dentro do Proxecto de Primeiros Auxilios que o Servizo Galego de Saúde destina a nenos e nenas de 3º e 4º de  educación primaria.

Moitas grazas ás profesionais que nos acompañaron.





viernes, 9 de febrero de 2024

ENTROIDO 2024

 Como xa é tradición, o Xoves de Compadres dabamos comezo ás actividades do Entroido cunha ronda de fulión  polas rúas de Viana e visitando as residencias de maiores. Tiñamos por diante unha semana na que a tradición e o fulión serían os protagonistas. Seguindo os ditados das Mandas cada día chegabamos ao centro vestidos dun xeito peculiar, e durante os recreos o fulión acompañaría o noso tempo de lecer.

Este ano o sol non quixo acompañarnos no Xoves de Comadres, pero eso non foi impedimento para disfrutar con ilusión da xornada e  de todos os que nos poideron acompañar, especialmente ao IES Carlos Casares e ao CEIP San Martiño de Vilariño de Conso.  Moitas grazas a todos e todas!

 E para rematar a semana... que mellor maneira  que facelo cun chocolate e unha festa de disfraces! Ademais, tivemos a sorte de desfrutar duns versos que prepararon  os nenos e nenas de 6º de primaria.

Premede na imaxe para ver o que vivimos nestes días. 

                                           Que viva o Entroido, 

                                            que viva a tradición.

                                            Desfrutemos estes días

                                            tocando o fulión.

                                              Preme na imaxe



miércoles, 7 de febrero de 2024

ESQUIOU-MANZANEDA 2024

 Hoxe, 42 alumnos e alumnas do CEIP Bibei dende  3º a 6º de primaria, voltaban dunha estadía de tres días na estación de montaña de Manzaneda, saída enmarcada no programa “Esquiou” da Deputación de Ourense.

Á falta de neve, o alumnado participou de diferentes actividades das que desfrutaron moitísimo: supervivencia, preesky, tiro con arco, parque multiaventura, piscina e para rematar a visita…Baile na disco!!!

Durante a estancia coincidiron co outros dous centros,  polo que tamén tiveron oportunidade de facer novas amizades.

Sen dúbida, experiencias que complementan e enriquecen a súa formación.



jueves, 1 de febrero de 2024

XOVES DE COMPADRES

 Un ano máis o alumnado do Ceip Bibei percorreu as rúas de Viana neste Xoves de Compadres, no que visitamos as dúas residencias de maiores da localidade. Moitas grazas ao personal delas pola boa acollida que nos deron.

O noso agradecemento tamén ao Concello, Protección Civil, Policía Local e Garda Civil pola súa axuda e sempre boa disposición.

Preme na imaxe


martes, 30 de enero de 2024

DÍA DA PAZ

 Hoxe conmemoramos o Día Escolar da Non Violencia e da Paz co noso fulión particular "O Son da Paz", un fulión integrador, diverso, amable, acolledor ... espello vivinte dos valores da nosa escola.







martes, 9 de enero de 2024

OBRADOIRO DE IMPROVISACIÓN ORAL

 Esta mañá o alumnado de 5º e 6º tivo a sorte de participar nun obradoiro de improvisación oral e regueifa con Sechú Sende e a súa filla Maré a Muda

Unha sorte contar con eles, que acercaron ata as nosas aulas o coñecemento sobre as diferentes formas de improvisación oral que temos en Galicia.

Unha xornada moi frutífera, na que os nenos e nenas se animaron á  improvisación colectiva sobre temas da actualidade, facendo preceder cada intevención dun... Bomba!, coa finalidade de pedir silencio e respecto  aos asistentes para escoitar os "versos" improvisados polos grupos.