martes, 27 de febrero de 2024

DÍA DE ROSALÍA

 Hoxe  no CEIP BIBEI celebramos o día de Rosalía de Castro. Tivemos que pospoñelo por mor da choiva, pero mereceu a pena porque o sol acompañounos nesta xornada para que poideramos saír a cantar entre todos "Adiós ríos, adiós  fontes", a versión de Astarot.

Tamén poidemos degustar o "Caldo de Gloria" todos xuntos no comedor escolar, que con tanto cariño nos preparon Maite e Rocío, e que coma sempre estaba boísimo. Moitas grazas ás dúas!

O propio día de Rosalía, o venres 23, o alumnado presentaba uns fermosos carteis que elaboraron por aulas sobre a autora homenaxeada.






jueves, 22 de febrero de 2024

OBRADOIRO DE PRIMEIROS AUXILIOS

 Esta semana alumnado de 3º curso de primaria asistía a un obradoiro de primeiros auxilios impartido por un equipo de  profesionais de enfermaría pertencentes á Área sanitaria Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras. Unha experiencia moi enriquecedora, na que a través do xogo e a colaboración aprenderon nocións básicas de como actuar ante determinadas situacións que poidan afectar á súa saúde e a das persoas que os rodean..

Pola tarde sería  o profesorado o que recibía a formación, moi interesante para a atención ao noso  alumnado en caso de situacións de emerxencia. 

A vindeira semana será o alumnado de 4º curso quen participe no mesmo obradoiro, enmarcado dentro do Proxecto de Primeiros Auxilios que o Servizo Galego de Saúde destina a nenos e nenas de 3º e 4º de  educación primaria.

Moitas grazas ás profesionais que nos acompañaron.





viernes, 9 de febrero de 2024

ENTROIDO 2024

 Como xa é tradición, o Xoves de Compadres dabamos comezo ás actividades do Entroido cunha ronda de fulión  polas rúas de Viana e visitando as residencias de maiores. Tiñamos por diante unha semana na que a tradición e o fulión serían os protagonistas. Seguindo os ditados das Mandas cada día chegabamos ao centro vestidos dun xeito peculiar, e durante os recreos o fulión acompañaría o noso tempo de lecer.

Este ano o sol non quixo acompañarnos no Xoves de Comadres, pero eso non foi impedimento para disfrutar con ilusión da xornada e  de todos os que nos poideron acompañar, especialmente ao IES Carlos Casares e ao CEIP San Martiño de Vilariño de Conso.  Moitas grazas a todos e todas!

 E para rematar a semana... que mellor maneira  que facelo cun chocolate e unha festa de disfraces! Ademais, tivemos a sorte de desfrutar duns versos que prepararon  os nenos e nenas de 6º de primaria.

Premede na imaxe para ver o que vivimos nestes días. 

                                           Que viva o Entroido, 

                                            que viva a tradición.

                                            Desfrutemos estes días

                                            tocando o fulión.

                                              Preme na imaxe



miércoles, 7 de febrero de 2024

ESQUIOU-MANZANEDA 2024

 Hoxe, 42 alumnos e alumnas do CEIP Bibei dende  3º a 6º de primaria, voltaban dunha estadía de tres días na estación de montaña de Manzaneda, saída enmarcada no programa “Esquiou” da Deputación de Ourense.

Á falta de neve, o alumnado participou de diferentes actividades das que desfrutaron moitísimo: supervivencia, preesky, tiro con arco, parque multiaventura, piscina e para rematar a visita…Baile na disco!!!

Durante a estancia coincidiron co outros dous centros,  polo que tamén tiveron oportunidade de facer novas amizades.

Sen dúbida, experiencias que complementan e enriquecen a súa formación.



jueves, 1 de febrero de 2024

XOVES DE COMPADRES

 Un ano máis o alumnado do Ceip Bibei percorreu as rúas de Viana neste Xoves de Compadres, no que visitamos as dúas residencias de maiores da localidade. Moitas grazas ao personal delas pola boa acollida que nos deron.

O noso agradecemento tamén ao Concello, Protección Civil, Policía Local e Garda Civil pola súa axuda e sempre boa disposición.

Preme na imaxe